
Diego Horschovski naceu en Bos Aires. A arte e a literatura sempre estivo presente na súa casa, e comezou a escribir cando era moi pequeno. En 2001 fixo as maletas e mudouse a Compostela, onde rematou o instituto e comezou a estudar Filosofía. Compaxinando a música coa universidade, traballou durante dous anos e medio dando concertos nos locais de Santiago; el á guitarra acústica, e a súa amiga Cecilia Marchetto á voz. Pero o dúo Horschovski e Marchetto, ao igual que gran parte das actividades culturais, foi silenciado por mor dunha ordenanza goberno municipal do PP, que prohibía a megafonía nos locais da cidade.
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​
​

Poesía e Microrrelato Compostela: a creación dun movemento poético local
​
Aflixido polo veto da cultura nunha núcleo artístico tan dinámico e creativo como é Santiago de Compostela, en outubro de 2014 ocorréuselle crear o espazo de Poesía e Microrrelato Compostela, rozando os límites da lexislación do Concello e, ás veces, sobrepasándoos. As xuntanzas no defunto bar Caldeirería 26 comezaron a atraer máis e máis xente, interesada en compartir e escoitar poesía. Ademais de ser un espazo cultural aberto, tamén era un acto político, unha forma de enviarlle unha mensaxe ao goberno municipal: “non temos que pedirvos permiso para todo”.
De Poesía e Microrrelato Compostela naceu unha comunidade en constante evolución e diversificación, e que xerou -e segue a xerar- o xerme dun auténtico movemento poético compostelán. Co anuncio do peche do emblemático Caldeirería 26 en 2018, saltaron as voces de alarma. Pero Diego atopou rapidamente outro lugar onde dan acubillo ao recital: o Modus Vivendi conseguiu manter o espírito e a calor dos catro anos pasados.
Diego Horschovski. Imaxe de Celia Eiras.




Poetry Slam Compostela: exportando a poesía galega
Diego escoitou falar do Poetry Slam en 2015, cando a poeta arxentina Tálata Rodríguez lle comentara o éxito que estaba colleitando a modalidade do Slam en Bos Aires. A idea de aplicar o modelo en Santiago quedou latexando na súa cabeza ata que, a finais de 2017, decidiu co seu compañeiro Marcelo Saffores facer da Poetry Slam Compostela unha realidade. Ao primeiro encontro, que tivo lugar no Momo, asistiron máis de 150 persoas.
A federación española do Poetry Slam organízase de xeito que os gañadores de todos os Slams locais competirán nunha serie de eliminatorias a nivel nacional. Compostela é unha das sedes máis novas, pero en só dúas edicións demostrou que está á altura de calquera outra cidade. Ambos gañadores das dúas Poetry Slam Compostela ata a data, Carmen Conde e Paulo Maestro, conseguiron chegar á final da contenda estatal.
A poesía está de moda; especialmente a modalidade do Slam. O seu éxito radica na interacción democrática entre todas as partes que participan, tanto activa como pasivamente, e o seu carácter competitivo é unha mera escusa para retroalimentar e acelerar a poesía.
O Poetry Slam. Imaxes de Ángel Vidal.